Xosé Manoel Núñez Seixas
Membro
Doutor en Historia Contemporánea polo Instituto Universitario Europeo de Florencia (1992) cunha tese sobre a cuestión das nacionalidades na Europa de entreguerras dirixida polos profesores Heinz-Gerhard Haupt e Stuart J. Woolf, publicada no 2001 como Entre Ginebra y Berlín. La cuestión de las minorías nacionales y la política internacional en Europa, 1914-1939 (Madrid: Akal). Foi profesor titular de Historia Contemporánea na USC (1994-2007) e é catedrático de Historia Contemporánea dende outubro de 2007. Entre outubro de 2012 e setembro de 2017 desempeñou a cátedra de Historia de Europa nos séculos XIX e XX na Universidade Ludwig-Maximilian de Múnich. Dende 2018 é tamén vicepresidente do Consello da Cultura Galega (consellodacultura.gal), onde dirixe o Arquivo da Emigración Galega.
Foi investigador convidado nas Universidades de Halle/Saale, Bielefeld e Zentrum für vergleichende Geschichte Europas (Berlín), ben como no Centro de Estudios Migratorios Latinoamericanos (Buenos Aires). Tamén foi profesor convidado nas Universidades de Rennes II, París VII, París X, Verona, Turín, City University of New York, Stanford University (EUA) e a Universidad Nacional de Mar del Plata (Argentina), e no Colexio de Europa (Natolin, Varsovia).
Dirixe a revista Studies on National Movements e é membro do consello editorial das revistas Passato e Presente e Historia Social. Fai parte ademais do consello asesor das revistas ibéricas Análise Social, Rúbrica Contemporánea, Revista Universitaria de Historia Militar, Ayer, Segle XX, Franquisme & Transició e Historia del Presente, ben como das revistas internacionais European History Quarterly, Spagna Contemporanea, Nazioni e Regioni, Journal of Iberian and Latin American Literary and Cultural Studies, Estudos Iberoamericanos, Anuario del IEHS, International Journal of Iberian Studies, Journal on Ethnopolitics and Minority Issues in Europe e Locus. Revista de História.
Entre os seus últimos libros salientan Camarada invierno. Experiencia y memoria de la División Azul (Barcelona 2016, 2017; edición alemá, Münster 2016; edición inglesa actualizada, Toronto/Buffalo/Londres 2022); con J. Moreno Luzón, Los colores de la patria. Símbolos nacionales en la España contemporánea (Madrid 2017); con L. Gálvez e J. Muñoz, España en democracia, 1975-2011 (Barcelona/Madrid, 2017); Suspiros de España. El nacionalismo español, 1808-2018 (Barcelona 2018, 2020, Premio Nacional de Ensayo 2019; versión alemá actualizada, Die bewegte Nation, Hamburgo 2019, Berlín 2020); El frente del Este. Historia y memoria de la guerra germano-soviética, 1941-1945 (Madrid 2018); Volver a Stalingrado. El Frente del Este en la memoria europea, 1945-2021 (Barcelona 2022); e Beyond Folklore? The Franco Regime and Ethnoterritorial Diversity in Spain, 1930–1945 (Londres 2024). Tamén coeditou os volumes Metaphors of Spain. Representations of Spanish National Identity in the 20th century (Nueva York/Oxford 2017, 2.ª ed. 2021); War Veterans and the World after 1945. Cold War Politics, Decolonization, Memory (Londres 2018, 2.ª ed. 2020); Regionalism and Modern Europe. Identity Constructions and Movements from 1890 to the Present Day (Londres 2018); Hacer patria lejos de casa. Nacionalismo español, migración y exilio en Europa y América (1870-2010) (Zaragoza 2020); Emotions and Everyday Nationalism in Modern European History (Londres 2020, 2.ª ed. 2020); e The First World War and the Nationality Question in Europe. Global Impact and Local Dynamics (Leiden/Boston 2020).
Os seus ámbitos de investigación abranguen, entre outros, os movementos nacionalistas europeos en perspectiva comparada; os nacionalismos galego, vasco e catalán; a cuestión nacional na Europa de entreguerras; o nacionalismo español no século XX; as identidades locais, rexionais e territoriais en España e Europa nos séculos XIX e XX; a historia cultural da guerra e da violencia, con especial referencia á guerra civil española e a fronte rusa durante a Segunda Guerra Mundial; a emigración española cara América Latina, séculos XIX y XX, con especial referencia á emigración galega; a historia transnacional dos nacionalismos, do fascismo e das identidades políticas; ou a historia e memoria na Europa do século XX, nomeadamente das guerras mundiais e das ditaduras.