Arredor de Meirás. Historia ou presente? [Curso de verán da USC]

HISPONA organiza entre os días 16 e 19 de xullo en Sada un Curso de Verán da USC baixo a dirección de Emilio Grandío. As persoas interesadas en matricularse poden facelo en http://www.usc.es/gl/servizos/cultura/veran/ ata o 5 de xullo. O curso, que se celebrará na Casa da Cultura Pintor Lloréns, está patrocinado polo Concello de Sada coa axuda da Deputación da Coruña.

Ao longo de catro xornadas abordaranse en ponencias, mesas redondas e visitas guiadas, diferentes aspectos do Pazo de Meirás, como o proceso polo que rematou sendo propiedade de Francisco Franco, a súa utilización como residencia oficial do Xefe do Estado ou os debates xurdidos a partir da morte do Dictador en relación á súa titularidade. Tamén se afondará en cuestións como a utilidade social dos espazos de memoria e as políticas públicas levadas adiante sobre este tema. O obxetivo das xornadas é posibilitar un espazo de reflexión e debate sobre a natureza do franquismo e as súas consecuencias sociais e culturais no presente.

Presentación dos resultados de Xeración Perdida Pontevedra

O proxecto Xeración Perdida representatividade institucional e represión: As corporacións municipais da II República na Provincia de Pontevedra, asinado polo grupo Hispona coa Deputación Provincial de Pontevedra, xa xerou resultados tanxibles que están a disposición do público na web da propia deputación.

En primeiro lugar destaca unha base de datos dos concelleiros represaliados, con ata 256 resultados que abranguen todas as corporacións republicanas, e diferentes categorías de represión, que van dende o asasinato ao procesamento, pasando polo encarceramento ou o exilio.

Outro dos elementos centrais é unha gran base de datos con todos os concelleiros das corporacións municipais republicanas da provincia. Mais de duas mil entradas que son froito dunha pormenorizada análise da documentación municipal de cada concello.

Isto complétase cun informe por concellos, unha colección fotográfica e uns mapas da represión que poden ser consultados en Xeración Perdida Pontevedra.

Lembramos ademais o proxecto das mesmas características que anteriormente Hispona levou a cabo para a provincia da Coruña, e que leva tempo aberto en Xeración Perdida Coruña.

O soño roto, a unidade didáctica sobre a II República en Compostela, aberta na rede

O Concello de Santiago e o grupo de investigación HISPONA publican de forma aberta na rede a unidade didáctica O soño roto. Educación, sociedade e política na Compostela republicana. Este traballo, elaborado por Emilio Grandío Seoane e Alfonso Iglesias Amorín, quere axudar a dar a coñecer como era a vida na Compostela republicana, dun xeito amplo e que chegue a temas do mais variado, con especial atención a elementos da vida cotiá, da educación, da modernización ou da política. Tamén pretende axudar a recuperar unha memoria que quedou borrada ou difuminada durante moitos anos, e que cómpre ver dende unha perspectiva aberta e global.

Descarga O soño roto en pdf

Publicado o libro Derribar a Franco, editado por Emilio Grandío e Javier Rodríguez

A editorial Eneida xa publicou o libro Derribar a Franco: Oposición al Régimen y Guerra Fría en el Noroeste de la Península Ibérica. Editado por Emilio Grandío e Javier Rodríguez.

Co conflito mundial xa rematado, Franco seguía no poder. Ninguén o derrubara. No libro previo War Zone (2012), analizouse como o noroeste peninsular foi unha peza fundamental no puzle estratéxico da Segunda Guerra Mundial.

Os sucesivos intentos de invasión militar da Península Ibérica fracasaran. Trala vitoria aliada, a oposición antifranquista mantivo as súas esperanzas nun retorno do réxime democrático republicano. Confiaban en que o triunfo da democracia occidental non consentira a pervivencia dun Goberno que tan implicado estivera con Alemaña e Italia.

Aquela zona de guerra na que se converteu o noroeste peninsular durante o conflito mundial será escenario dos intentos da oposición antifranquista por rematar coa ditadura nos albores da Guerra Fría.
Derrubar a Franco converteuse no obxectivo.

Derribar2