Arredor de Meirás. Historia ou presente? [Curso de verán da USC]

HISPONA organiza entre os días 16 e 19 de xullo en Sada un Curso de Verán da USC baixo a dirección de Emilio Grandío. As persoas interesadas en matricularse poden facelo en http://www.usc.es/gl/servizos/cultura/veran/ ata o 5 de xullo. O curso, que se celebrará na Casa da Cultura Pintor Lloréns, está patrocinado polo Concello de Sada coa axuda da Deputación da Coruña.

Ao longo de catro xornadas abordaranse en ponencias, mesas redondas e visitas guiadas, diferentes aspectos do Pazo de Meirás, como o proceso polo que rematou sendo propiedade de Francisco Franco, a súa utilización como residencia oficial do Xefe do Estado ou os debates xurdidos a partir da morte do Dictador en relación á súa titularidade. Tamén se afondará en cuestións como a utilidade social dos espazos de memoria e as políticas públicas levadas adiante sobre este tema. O obxetivo das xornadas é posibilitar un espazo de reflexión e debate sobre a natureza do franquismo e as súas consecuencias sociais e culturais no presente.

Presentación dos resultados de Xeración Perdida Pontevedra

O proxecto Xeración Perdida representatividade institucional e represión: As corporacións municipais da II República na Provincia de Pontevedra, asinado polo grupo Hispona coa Deputación Provincial de Pontevedra, xa xerou resultados tanxibles que están a disposición do público na web da propia deputación.

En primeiro lugar destaca unha base de datos dos concelleiros represaliados, con ata 256 resultados que abranguen todas as corporacións republicanas, e diferentes categorías de represión, que van dende o asasinato ao procesamento, pasando polo encarceramento ou o exilio.

Outro dos elementos centrais é unha gran base de datos con todos os concelleiros das corporacións municipais republicanas da provincia. Mais de duas mil entradas que son froito dunha pormenorizada análise da documentación municipal de cada concello.

Isto complétase cun informe por concellos, unha colección fotográfica e uns mapas da represión que poden ser consultados en Xeración Perdida Pontevedra.

Lembramos ademais o proxecto das mesmas características que anteriormente Hispona levou a cabo para a provincia da Coruña, e que leva tempo aberto en Xeración Perdida Coruña.